Este fin de semana disputáronse as Finais a 4 das categorías Junior e Infantil na Coruña e Santiago de Compostela respectivamente, nas que se proclamaron campións galegos o AC Órdenes na primeira delas e o Club Compañía de María “A” na segunda.
Na Junior, celebrada no pavillón de Monte Alto, os resultados das dúas primeiras xornadas deixaban o derradeiro partido como decisivo para proclamar ao campión galego, aínda que co AC Órdenes con máis opcións que HC Liceo e Club Compañía de María. Os ordenses non fallaban e grazas á súa curta vitoria ante os liceístas lograban o título. Xunto a eles, acudirán á Fase de Sector Norte no Principado de Asturias, do 14 ao 16 de abril, o Club Compañía de María e o HC Liceo como segundo e terceiro clasificados. Julio Parga, vicepresidente da FGP, e Jorge Varela, vogal da mesma, foron os encargados de entregar as medallas e o trofeo de campión.
No pavillón de Vite de Santiago de Compostela celebrouse a Infantil, con semellante desenlace á da Coruña. O derradeiro encontro entre Club Compañía de María “A” e CH Compostela “A” ía decidir ao campión galego e, aínda que aos colexiais lles bastaba cun empate, foron quen de vencer nun disputado partido que mantivo a incertidume ata os minutos finais. A Fase de Sector Norte tamén se disputará no mesmo escenario (14 ao 16 de abril), sumándose aos campións o CH Compostela “A” e HC Liceo, segundo e terceiro clasificados respectivamente. Nesta ocasión, fíxose coincidir a Final 4 Infantil coa Copa Federación Infantil de Hóckey Liña, creando un magnífico ambiente no pavillón compostelán. Na entrega de trofeos e medallas estiveron presentes Noa Morales (Concelleira de Deportes co Concello de Santiago de Compostela), Pilar Losada (Presidenta do CH Compostela), Juan Copa (Director Técnico da FGP de Hóckey sobre Patíns) e Óscar Romay (Presidente do Comité Galego de Hóckey Liña da FGP).
RESULTADOS FINAL A 4 – JUNIOR (A Coruña, Monte Alto)
Sábado, 1 de abril de 2017
Xornada 1
AC Órdenes 6 – 2 Club AA Dominicos
HC Liceo 1 – 3 Club Compañía de María
Domingo, 2 de abril de 2017
Xornada 2
AC Órdenes 6 – 2 Club Compañía de María
HC Liceo 4 – 1 Club AA Dominicos
Xornada 3
Club Compañía de María 4 – 2 Club AA Dominicos
AC Órdenes 2 – 1 HC Liceo
RESULTADOS FINAL A 4 – INFANTIL (Santiago de Compostela, Vite)
Sábado, 1 de abril de 2017
Xornada 1
Club Compañía de María “A” 12 – 0 HC Traviesas
CH Compostela “A” 8 – 1 HC Liceo
Domingo, 2 de abril de 2017
Xornada 2
Club Compañía de María “A” 13 – 2 HC Liceo
CH Compostela “A” 9 – 3 HC Traviesas
Xornada 3
HC Liceo 7 – 5 HC Traviesas
Club Compañía de María “A” 4 – 2 CH Compostela “A”