PROTOCOLO SINISTRO ASISA
APP FGP
ELECCIONES FGP 2022
ELECCIONES FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE

Jul 07

A Xunta publica a segunda Guía DXT Galego que recolle as recomendacións para a motivación de cara as esixencias do partido e unha guía para o adestramento en deportes de equipo

A Xunta de Galicia vén de publicar o segundo número das Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ elaboradas pola Secretaría Xeral para o Deporte e expertos das tres universidades galegas que xa foi enviado a todos os clubs e federacións deportivas de Galicia e pode ser consultado na páxina web do Deporte Galego.

 

Este segundo manual versa sobre as ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista para a súa motivación e achegamento progresivo ás esixencias do partido’. Neste segundo documento continúase a desenvolver o consenso acadado entre o coordinador do proxecto, Rafael Martín Acero, representantes das tres universidades galegas e da Universidad Rey Juan Carlos e de Castilla La Mancha, sobre accións e suxestións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica (perceptivo motoras e cognitivas).

 

Neste sentido, cómpre subliñar a guía para a volta ao adestramento en deportes de equipo e control do risco de contaxio por coronavirus, elaborada polo catedrático de Educación Física e Deportiva da Universidade de Vigo, Carlos Lago Peñas.

 

Esta devandita guía pretende dar recomendacións claras para a organización do adestramento (como deseñar as sesións, que exercicios hai que propoñer, etc.) nas distintas categorías (iniciación, mozos e adultos). Estes consellos están encamiñados a aumentar a adaptación progresiva do deportista ao que lle esixirá o partido cando se poida volver á competición. Trátase de adestrar co menor risco posible de contaxio e afastándose o menos posible da lóxica interna máis substancial de cada deporte de equipo.

 

A guía publicada é a segunda dunha serie que completará o documento único que contribuirá a reactivar os adestramentos e competicións das máis de 300 especialidades deportivas que se practican en Galicia e a recuperar o músculo do deporte galego, así como a plenitude física e psíquica de federacións, clubs e deportistas. A primeira delas, entregada o pasado luns, trata as ‘Recomendacións para a aceleración da reactivación e readaptación técnico/táctica do deportista en busca da súa motivación progresiva para as esixencias da competición’.

 

Proximamente será entregada a terceira, ‘Guía para a volta ao adestramento en deportes de loita/combate, controlando o risco de contaxio por coronavirus’. A cuarta e a quinta, ‘Guía para a volta a competición en deportes de equipo, con adaptacións para o risco de contaxio por coronavirus’ e ‘Guía para a volta á competición en deportes de loita/combate, con adaptacións para o risco de contaxio por coronavirus’, serán entregadas en vindeiras datas.

 

Guías DXT Galego

As Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ poñen á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva con toda a seguridade e cumprimento das normativas.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, entende a elaboración deste documento como un novo exemplo do traballo do Goberno galego na busca do “constante apoio e consenso en todos e cada un dos membros desta sólida sociedade da que somos responsables”. Tras un comportamento “escrupuloso” durante os tres meses que tivo vixencia o estado de alarma na nosa Comunidade Autónoma, “a Xunta de Galicia entende que neste momento, garantir a seguridade e a saúde da nosa poboación tamén pasa por recuperar a actividade deportiva”, sentencia.

 

Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’

xunta-deportes-protocolo-galego_parte2

Oficinas y Sede Social
Praza de Agustín Díaz, nº 3
15008 - A Coruña
Redes Sociales
Página Web | www.fgpatinaxe.gal
Facebook y Twitter | FGPatinaxe
Datos de Contacto
Email General | secretaria@fgpatinaxe.gal
Tfno | 981 130 994 - Fax | 981 134 183
Copyrights © All Rights Reserved FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE AVISO LEGAL