PROTOCOLO SINISTRO ASISA
APP FGP
ELECCIONES FGP 2022
ELECCIONES FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE

Feb 09

A Xunta mantén o importe dos convenios das federacións deportivas neste 2021

O Consello da Xunta, na súa xuntanza do pasado xoves, deu luz verde aos convenios de colaboración que o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, asinará coas respectivas federacións deportivas.

 

En total son 57 as federacións deportivas que xa teñen autorizados os seus convenios para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade.

 

A estes 57 convenios sumaranse ao longo de 2021 os importes da Federación Galega de Automobilismo (pendente pola determinación do calendario de probas no ano 2021) e da Federación Galega de Deportes Autóctonos -chave e billarda- que será constituída nas vindeiras datas.

 

Con todo, e sumando tamén a contía do convenio coa Federación Galega de Piragüismo para o mantemento, conservación e mantemento do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido, a Secretaría Xeral para o Deporte destina en 2021 un total de 4.392.684 euros, o mesmo importe que o destinado en 2020 e que supuxo un aumento do 2% con respecto a 2019 (4.306.002 euros) sendo, de novo, a dotación económica máis elevada desde o ano 2011. Ademais, o Consello tamén aproba a modificación dos límites e das porcentaxes dos pagamentos anticipados para que todas as federacións deportivas de Galicia poidan desfrutar destes anticipos.

 

Cómpre salientar o esforzo que realiza a Xunta de Galicia por manter os importes dos convenios coas federacións deportivas galegas nun escenario de pandemia no que parte da actividade deportiva autonómica federada non se está a realizar. A pesar disto, desde o abandono do estado de alarma ata as últimas restricións adoptadas, o deporte galego comportouse de xeito exemplar elaborando unha serie de estritos protocolos adaptados á situación actual, polo que sempre estivo exceptuado das restricións de actividade e mobilidade.

 

O mantemento do importe dos convenios é un xeito de agradecer todo este traballo desempeñado polo tecido deportivo e de confiar na pronta recuperación da normalidade deportiva.

 

Os 4.392.684 euros son distribuídos atendendo a criterios obxectivos, como son o número de licencias totais, licencias femininas e licencias de deportistas con discapacidade existentes na federación, o número de clubs participantes en competicións oficiais, os de campionatos de España e competicións internacionais organizadas, os deportistas da federación que formen parte das seleccións deportivas, o número de deportistas galegos de alto nivel ou de deportistas de alto nivel da federación ou, entre outros criterios obxectivos, as actividades de promoción e fomento realizadas nas actividades en idade escolar.

 

Os 57 convenios autorizados na sesión de hoxe son os das federacións deportivas galegas de actividades subacuáticas (19.056 euros), aeronáutica (13.480 euros), atletismo (219.399 euros), bádminton (103.532 euros), baloncesto (252.102 euros), balonmán (189.614 euros), bésibol e sófbol (2.403 euros), billar (19.944 euros), bolos (23.957 euros), boxeo (30.465 euros), caza (30.329 euros), chave (5.894 euros), ciclismo (185.941 euros), colombicultura (3.332 euros), colombofilia (7.273 euros), deporte adaptado (79.495 euros), deportes de inverno (8.438 euros), esgrima (33.876 euros), espeleoloxía (26.233 euros), esquí náutico (9.299 euros), fútbol (255.133 euros), golf (45.367 euros), halterofilia (54.196 euros), hípica (70.448 euros), hóckey (21.494 euros), judo e deportes asociados (141.904 euros), karate e deportes asociados (68.621 euros), kickboxing (19.899 euros), kung-fu (32.039 euros), loita e deportes asociados (112.858 euros), montañismo (30.480 euros), motociclismo (60.380 euros), motonáutica (29.484 euros), natación (156.415 euros), orientación (26.588 euros), pádel (39.426 euros), patinaxe (55.642 euros), pelota (10.774 euros), pesca e casting (15.021 euros), petanca (12.656 euros), piragüismo (333.195 euros), remo (108.283 euros), rugby (46.007 euros), salvamento e socorrismo (20.611 euros), squash (34.891 euros), surf (33.947 euros), taekwondo (121.110 euros), tenis (106.254 euros), tenis de mesa (40.644 euros), tiro ao voo (6.357 euros), tiro con arco (45.014 euros), tiro olímpico (41.710 euros), tríatlon e péntatlon moderno (170.165 euros), vela (252.569 euros), voleibol (86.277 euros), xadrez (55.177 euros) e ximnasia (74.669 euros).

 

Outras liñas de colaboración

Neste 2021 e xunto aos seus convenios, as federacións galegas poderán optar a outras liñas de colaboración coa Xunta de Galicia. Así, as federacións deportivas terán acceso ás axudas para a adquisición de equipamentos deportivos que tamén mantén o importe de 2020 con 700.000 euros. Esta liña de axudas tamén prevé a adquisición do material sanitario inventariable para a prevención da Covid-19 (mamparas, dispensadores de xel, termómetros…).

Asemade, a convocatoria a clubs e entidades contará cunha liña para gastos de desenvolvemento da actividade deportiva ordinaria cun importe de 1,9 millóns de euros e unha liña de actuación para gastos orixinados pola pandemia cun orzamento de 2 millóns de euros.

Para este 2021, o orzamento global da Secretaría Xeral para o Deporte medra nun 28,5% ao pasar dos 25.257.216 euros en 2020 aos 32.474.216 euros.

Oficinas y Sede Social
Praza de Agustín Díaz, nº 3
15008 - A Coruña
Redes Sociales
Página Web | www.fgpatinaxe.gal
Facebook y Twitter | FGPatinaxe
Datos de Contacto
Email General | secretaria@fgpatinaxe.gal
Tfno | 981 130 994 - Fax | 981 134 183
Copyrights © All Rights Reserved FEDERACIÓN GALEGA DE PATINAXE AVISO LEGAL