O pavillón Castelao I de Ordes acollerá os días 2 e 3 de xuño a sétima edición do tradicional Torneo Luso-Galaico de Hóckey sobre Patíns, sendo desta volta o anfitrión a Selección Galega logo de disputar contra os mesmos equipos que acudirán á vila coruñesa o Torneio de Natal, o dos Reis e o de Carnaval ao longo desta tempada.
As formacións lusas das asociacións de patinaxe de Minho, Porto e Aveiro serán os rivais da Selección Galega, que ademais ultima a súa preparación para o Campionato de España Seleccións Autonómicas que se disputará do 14 ao 17 de xuño en A Coruña.
O torneo, organizado por AC Órdenes e a Federación Galega de Patinaxe, celebrará a primeira xornada o sábado pola mañá desde as 11:00 co debut de Galicia ante Minho para, de seguido, levar a cabo o segundo encontro entre Aveiro e Porto (12:15). Ás 14:00 horas haberá unha recepción oficial a tódolos participantes na Casa do Concello de Ordes. Á tarde terá lugar a segunda xornada cos partidos Aveiro-Minho (18:00) e Galicia-Porto (19:15) deixando para o domingo a terceira e derradeira xornada da competición, cos encontros Porto-Minho (10:30) e Galicia-Aveiro (11:45), tras os cales se procederá á entrega de recordos, pois lembremos que non hai clasificación final ao tratarse de partidos amigables.
#eupatino