O desenlace da Segunda Sede das categorías Feminina e Infantil prevista e correspondente ás xornadas tres e catro foi accidentada dende o principio, xa que á chegada da organización do evento este domingo, 29 de xaneiro, ó Pavillón de Bouzas en Vigo (Pontevedra), comprobaron como no parking exterior había unha inundación pola rotura dun colector, con presencia da policía local da cidade olívica que impedía o acceso ó parking polo perigo que supoñía. Con total celeridade e en tempo récord, a auga do parking foi achicada polos operarios municipais e os participantes dos primeiros encontros que se ían achegando ás instalacións deportivas de Bouzas.
O primeiro partido enfrontou ás rapazas de Brigantium HL de Arteixo e ás de ADC Alquimia InLine da Coruña con un resultado final de 3-3. Foi un partido moi emocionante, con continuas ocasións de gol para ámbolos equipos, e que tivo un especial protagonismo para as de Arteixo que conseguiron o empate no derradeio minuto do encontro.
Durante o desenvolvemento deste partido os dous equipos advertiron ós árbitros de que ámbalas bandas da pista estaban esvaradías. Froito de esa circunstancia producíronse varias caídas, tentando a organización o secado manual desa parte da mesma.
O segundo encontro prometía emoción, xa que iamos presenciar todo un derbi lucense que debía enfrontar ó CHL Meigas e a Lóstregos Feminino. Despois de realizar o pertinente quecemento, as capitanas dos equipos comunicáronlle ó dúo arbitral a humidade imperante en ámbalas bandas e nos dous fondos, coa intención dos dous equipos de solicitar a suspensión do encontro polo alto risco de lesión debido á humidade.
Comunicada esta decisión ó Comité Galego de Hóckey Liña e á organización do evento, reuníronse primeiramente nunha sala anexa os membros do Comité e posteriormente as dúas partes para estudar as opcións de actuación ante este problema. A posteriori tentouse secar as zonas húmidas mediante método de limpeza manual, pero vendo que a humidade lonxe de remitir ía a máis.
Como o problema non remitía, o Comité reuníuse cos árbitros do encontro, Álex Núñez e Pedro Domínguez, realizando cos mesmos e con membros do equipo organizador, A Guarda Hóckey Liña, unha proba na pista comprobando o problema de falta de agarre no chan.
A continuación optábase por chamar ós adestradores dos equipos que ían disputar o resto de partidos (a excepción de Trasnos de Ribadeo que non chegaran as instalacións de Bouzas), para expoñer o problema é coñecer de primeira man a súa opinión. A seguir, o Comité volta reunirse coa organización do evento para decidir a suspensión do mesmo polo perigo evidente para os participantes da Segunda Sede ante un problema de humidade que non remitía.