Como chega a túa selección e con que expectativas para este Eurohockey2018?
Creo que chegamos moi ben, con seis semanas de traballo aquí no CAR que serviron para afianzar o modelo de xogo que queremos implantar. A maioría de xogadores xa estiveran en Beijing o ano pasado no mundial. Por tanto é darlle unha volta ao que xa fixeramos e creo que basicamente, o equipo chega cunha identidade formada e coas ideas claras. Despois xa veremos onde nos leva todo isto. Non hai que esconder que o noso obxectivo é recuperar o título de campión de Europa. A clave está en tentar mellorar o noso modelo de xogo e xogar mellor ao hóckey. A consecuencia debe ser levarnos o título.
Como será o voso estilo de xogo?
Nós somos unha selección que xoga un hóckey moi agresivo e moi directo, non especulamos nada co marcador e practicamos un hóckey de transición; recuperamos a pelota e tentamos acabar a xogada canto antes na portería contraria. Xogar desta maneira leva unha serie de riscos que asumimos e convivimos xuntos habitualmente.
En que te baseas ou que é o que máis valoras para seleccionar aos teus xogadores?
Foi un proxecto que empezou o ano pasado pensando en escoller aos mellores xogadores do noso país, a selección ten que ter aos mellores. Con todo, dentro destas características, tiña a idea clara de que quería renovar o equipo, unhas épocas van rematando e empezan outras e quería un equipo novo e impermeable, con ganas de recibir información nova e querer probalo. O que temos agora mesmo é unha mestura entre xogadores moi novos con algún xogador veterano que me coñece a min moito porque xa os tiven en clubes nos que adestrei e é unha combinación que espero que siga funcionando.
Asumides o papel de favoritos xa que o Eurohockey é na Coruña?
Si. Non nos toca asumir ningún outro papel. Entendo que é o que ten que ser. Somos os actuais campións do mundo e o campionato xógase en casa. Por tanto, non hai que esconder que somos favoritos. Hai outros equipos pero que teñen o mesmo obxectivo que nós, Portugal quererá revalidar o campionato de Europa porque é o actual dono e ten un equipo extraordinario, Italia gañou o título fai catro anos en Alcobendas e Francia ten un bo grupo de xogadores. Supoño que será unha pelexa entre catro.
#eurohockey2018 #OKEuroM #OKCoruna #OKEuro2018 #ACoruña #eupatino